Aceites Abril facilita novas vías de acceso a produtos de calidade aos comedores participantes en “Comedores Responsables KM 0″
O proxecto “Comedores Responsables KM 0” continúa avanzando
O proxecto “Comedores Responsables KM 0” continúa avanzando na creación de novas vías de colaboración entre as colectividades e o tecido produtivo e distribuidor galego. Nesta ocasión, a iniciativa incorpora o apoio de Aceites Abril, que facilitará o acceso a diferentes referencias de aceite de oliva galego e de alta calidade aos centros participantes.
A colaboración, impulsada polos oito Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) que forman parte do proxecto, conta tamén coa participación de Distribuciones Vintecatro S.L., empresa encargada da loxística e distribución dos produtos aos centros interesados.
Deste xeito, preto dos 60 centros vinculados a “Comedores Responsables KM 0” poderán acceder a diferentes referencias de aceite en condicións especiais.
Aceites Abril súmase ao proxecto “Comedores Responsables KM 0”
Desde Aceites Abril salientan a importancia de participar nunha iniciativa que busca achegar os produtos e o tecido produtivo do territorio ás colectividades.
“Como empresa familiar galega, para nós é un orgullo sumarnos a iniciativas como Comedores Responsables KM 0. Sumar esforzos cos GDR permite achegar aos centros educativos e colectividades da nosa contorna un produto fundamental na dieta atlántica, garantindo calidade, proximidade e un compromiso real co desenvolvemento do medio rural galego”.
O acordo inclúe diferentes referencias de aceite, entre elas aceite de oliva virxe extra, oliva suave, oliva intenso, aceite de oliva virxe e aceite de oliva virxe extra ecolóxico.
Conectar as colectividades co tecido produtivo galego
Un dos principais obxectivos de “Comedores Responsables KM 0” é facilitar que centros educativos, residencias, vivendas comunitarias e outras colectividades poidan avanzar cara a modelos de alimentación máis saudables, sostibles e vinculados ao territorio.
Dentro deste traballo, os oito GDR están promovendo tamén a conexión entre as necesidades dos centros e as posibilidades que ofrecen tanto o tecido produtivo como o sector distribuidor.
A finalidade é buscar novas oportunidades de colaboración que permitan facilitar ás colectividades o acceso a produtos de calidade.
Neste sentido, Luís Tembra, responsable de Distribuciones Vintecatro S.L., destaca a importancia do acordo:
“Para nós é moi satisfactorio poder colaborar con Comedores Responsables KM 0 e facilitar que os centros participantes teñan acceso a produtos de calidade en condicións especiais. Consideramos especialmente interesante apostar por referencias que responden a criterios de calidade e, no caso do aceite ecolóxico, por unha produción máis respectuosa co medio”.
Aceites Abril, unha empresa galega con máis de seis décadas de traxectoria
A incorporación de empresas ás dinámicas de “Comedores Responsables KM0” permite abrir novas vías de colaboración e achegar ás colectividades alternativas adaptadas ás súas necesidades.
Neste caso, a iniciativa conta coa participación de Aceites Abril, empresa galega con sede en San Cibrao das Viñas (Ourense), no territorio do GDR 11 ADR Comarca de Ourense (Adercou).
A compañía conta cunha traxectoria no sector do aceite desde 1962 e dispón de diferentes referencias de aceite de oliva, entre elas aceite de oliva virxe extra ecolóxico.
Manuel Seoane Rodríguez, presidente do GDR 11 ADR Comarca de Ourense (Adercou), valora tamén esta colaboración:
“É unha satisfacción poder avanzar neste tipo de colaboracións con empresas de referencia e facilitar novas posibilidades aos centros que forman parte do proxecto. A conexión entre as colectividades e o tecido produtivo é fundamental para seguir construíndo un modelo de alimentación máis responsable e vinculado ao territorio”.
Esta colaboración forma parte do traballo desenvolvido polos oito GDR para crear pontes entre centros, empresas, produtores e distribuidores, favorecendo novas relacións que contribúan á evolución do modelo de alimentación colectiva.
Oito GDR traballan por unha alimentación colectiva máis vinculada ao territorio
“Comedores Responsables KM0” está coordinado polo GDR Terras de Compostela e impulsado por oito Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, no marco do convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e os GDR.
Os grupos que participan no proxecto son:
- GDR-04 ADR Comarca de Lugo
- GDR-05 Asociación Miño-Ulla
- GDR-08 ADR Sil-Bibei-Navea
- GDR-11 ADR Comarca de Ourense (Adercou)
- GDR-16 ADR Terras de Pontevedra Norte
- GDR-19 Asociación Terras de Compostela
- GDR-21 Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Ordes (Asdecomor)
- GDR-22 GDR Costa da Morte
En conxunto, estes oito GDR agrupan 86 concellos e preto de 710.000 habitantes, formando unha rede de cooperación que aposta por unha alimentación colectiva máis saudable, sostible e vinculada ao territorio.
Actualmente, o proxecto conta coa participación de máis de 60 centros educativos, residencias, vivendas comunitarias e un servizo de cátering, así como de máis de 110 profesionais e empresas do tecido produtivo, que participan nas diferentes accións desenvolvidas nos territorios.
